![]() | |
PDB 1e7h | |
Seroalbumina humana
| |
Identificadores | |
Símbolo | xene ALB |
Entrez | 213 |
HUGO | 399 |
OMIM | |
PDB | 1E7H |
RefSeq | NM_000477 |
UniProt | P02768 |
Outros datos |
A seroalbumina humana[1] ou albumina sérica humana, ás veces chamada simplemente albumina (aínda que hai moitas outras proteínas que son albuminas), é unha proteína que se atopa en grande abundancia no plasma sanguíneo, sendo a principal proteína do sangue. Sintetízase no fígado.
A concentración normal de seroalbumina no sangue humano oscila entre 35 e 50 gramos por litro[2], e supón ao redor do 50% da proteína plasmática. O resto de proteínas presentes no plasma chámanse en conxunto globulinas. A súa vida media no plasma é de 20 días. A seroalbumina é fundamental para o mantemento da presión oncótica, necesaria para a distribución correcta dos líquidos corporais entre o compartimento intravascular e o extravascular, localizado entre os tecidos. A seroalbumina ten carga eléctrica negativa a pH corporal. A membrana basal do glomérulo renal, tamén está cargada negativamente, o que impide a filtración glomerular da albumina aos ouriños. Na síndrome nefrótica, esta propiedade está diminuída e pérdese gran cantidade de albumina polos ouriños.
A proteína sintetízase nos hepatocitos en forma dun precursor máis grande de 609 aminoácidos, chamado preproalbumina, do que se cortan un péptido sinal do seu extremo N-terminal, e libérase do retículo endoplasmático rugoso en forma de proalbumina. Despois, esta é clivada nas vesículas do aparato de Golgi quedando a proteína que se segrega madura de 585 aminoácidos, que se observa no plasma.[3] Ten un peso molecular de 66,5 kDa, é monomérica e soluble. Está codificada no xene ALB do cromosoma 4, que contén 15 exóns e 3 dominios, que se cre que se orixinaron evolutivamente por duplicación dun dominio ancestral.[4]
A seroalbumina humana pertence á familia proteica das seroalbuminas, as cales están presentes tamén noutros animais. A seroalbumina bovina utilízase moito en procedementos de laboratorio. Debido a que os animais pequenos, por exemplo as ratas, viven cunha baixa presión sanguínea, necesitan unha baixa presión oncótica, e tamén necesitan unha baixa cantidade de seroalbumina para manter a distribución de fluídos.